Son Noemí Ramajo. Crecín rodeada de natureza, nunha aldea da montaña galega, e por iso é moi importante para min a conexión coa terra, as fragas, o mar e o aire puro.
Comecei a practicar Ioga regularmente no ano 2005 e,dende entón, converteuse no meu camiño de aprendizaxe e evolución, tanto a nivel persoal como profesional.
Formeime como profesora de Ioga, durante 5 anos, na escola de Yoga “Sadhana” de San Sebastián. Anteriormente estudara Técnica Superior de Dietética e Nutrición en Logroño e interesarme pola herbodietética, as plantas medicinais, o coidado integral do corpo e diferentes formas de nutrición como a macrobiótica, o Ayurveda, o veganismo ou a dieta vexetariana. Recentemente formeime como monitora de Pilates Mat en Feda, A Coruña.
Imparto clases de Ioga en distintos centros dende o ano 2010, no ano 2015 abrín a miña propia escola en Logroño, e no ano 2020 mudeime á costa de Lugo, onde estou aprendendo a vivir dun xeito máis tranquilo e acorde coa miña natureza.
Toda esta experiencia, sobre todo o contacto directo cos meus alumnos e a observación dos seus corpos, as súas posturas, xestos, bloqueos e como a práctica do Ioga lles axudou a cambiar, inspiroume a crear o meu propio método: IOGA PARA CORPOS REAIS. Unha práctica que se adapta a ti, que respecta os teus límites, as túas lesións e o teu estado xeral, físico, enerxético e anímico. Unha experiencia centrada na conciencia corporal, respiratoria e sensorial. Un espazo para escoitar e relaxar o corpo, silenciar a mente, calmar as emocións e así poder recoñecer quen es de verdade. Sen postureo, sen lycra, só ti e o teu alento.
